Buscan os "gamberros" que lanzaron unha pedra ao coche dunha familia de Vilaboa dende a AP-9
Por Natalia Puga
Eran as 21.30 horas deste domingo 23 de novembro. Juan Carlos Martínez López, a súa muller e a súa filla de 11 anos circulaban a bordo do seu Audi A4 dende Vigo en dirección á súa vivenda de Vilaboa cando sentiron un forte golpe na porta traseira esquerda. Xusto nesa zona do coche ía sentada a rapaza, a fiestra rompeu e quedou cuberta de cristais. O coche e a familia que viaxaba nel acababan de ser vítimas dun acto vandálico do que agora buscan aos responsables.
Juan Carlos Martínez puxo os feitos en coñecemento do Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, da empresa concesionara da autopista AP-9 (Audasa) e da Policía Local de Vigo, que puideron comprobar como quedou o coche e a zona exacta na que se produciu o incidente. Logo presentou denuncia ante a Comisaría da Policía Nacional e agora pide colaboración cidadá para resolver a situación.
Esta familia veciña de Santa Cristina de Cobres pide a colaboración, en concreto, dos veciños dos arredores da rúa Coutadas de Vigo. Pídelles que aporten todos os datos que teñen para identificar e localizar aos autores do sucedido e, desta maneira, que poidan render contas sobre os seus actos.
Segundo denuncian, saben que foron catro rapaces. Cando na noite do domingo sentiron o golpe, Juan Carlos, que conducía o vehículo, detívose e comprobou que lle lanzaran dende a ponte da autoestrada AP-9 que cruza sobre a rúa Coutadas unha pedra.
O impacto sobre o coche produciuse sobre a fiestra traseira esquerda, onde ía sentada a menor, e a consecuencia do violento impacto, o pai viuse obrigado a efectuar unha brusca freada, de maneira que sinala que puido ocasionar un accidente de imprevisibles consecuencias.
Cando saiu do coche para comprobar como estaba a súa filla viu que catro rapaces vestidos con sudadeiras e carapuchas fuxían do lugar e tamén unha persoa paseando un can. Pero nin esa testemuña nin a familia que ía no coche poden dar unha descrición dos gamberros, de aí que pidan axuda a posibles testemuñas que estiveran na zona a aquela hora.
Ademais, a familia pídelle a Audasa que tome medidas para evitar estes sucesos, tales como a colocación de vallas cunha altura suficiente que impidan que se poidan arroxar obxectos á calzada da autoestrada. Tras presentar denuncia na comisaría da Policía Nacional de Vigo, este veciño de Vilaboa explica que os axentes lle manifestaron que ese mesmo día xa se presentaran varias denuncias por actuacións similares.