Informan aos praceiros da nova normativa de venda directa dos produtos agroalimentarios
Por Oskar Viéitez
Este luns a Concelleira de Turismo e Comercio do Concello de Marín, Cristina Acuña, reuniuse cos vendedores do mercado de produtos que proveñen dos excedentes de colleita propios. ÿ dicir, produtos primarios como ovos, cereais, mel, pole, xelea real, froita, legumes, hortalizas ou cogomelos, entre outros.
O obxecto era poñer no seu coñecemento a nova regulación da súa actividade, os requisitos que deberán cumprir, solucionar as súas dúbidas e facilitarlles a súa tramitación.
O día 20 de outubro de 2014 tivo a súa entrada en vigor a nova normativa aprobada pola Xunta de Galicia que beneficia sobre todo ao consumidor, porque coñecerá a procedencia exacta do produto que está a comprar, aínda que para algúns agricultores que acudían a feiras e mercados para vender os seus excedentes a situación se complica un pouco.
Os numerosos requisitos que esixe a Xunta inclúen darse de alta nun novo rexistro xunto ás parcelas en produción e inscribir os terreos das que sairán eses produtos.
Os agricultores teñen a obriga de proporcionar, a través dunha etiqueta, a información alimentaria obrigatoria, que se poderá substituír por un documento comercial no caso de transaccións a establecementos locais.