Aproban o III Plan de Igualdade do Concello de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Por cada morte en España relacionada coa violencia de xénero, hai 12.000 mulleres "no inferno", segundo Carmen Fouces. A concelleira de Benestar Social citou un estudo publicado en 2011 para expresar a preocupación que, no goberno municipal, xera esta eiva social. Esta cuestión será un dos eixes do terceiro Plan de Igualdade que aprobou o Concello de Pontevedra e que abranguerá os anos 2015, 2016 e 2017.
O obxectivo deste documento, sinalou Carmen Fouces, é dotar o Concello dun "marco de actuación" en materia de igualdade entre homes e mulleres. Este plan será "flexible" e irase adaptando ás circunstancias "que vaian ocorrendo en cada momento".
Unha das áreas de traballo do plan de igualdade municipal será facilitar a participación e acceso á información e recursos que o Concello de Pontevedra e outras administracións poñen ao servizo de mulleres de todas as idades. Actualmente prodúcese, en opinión da edil nacionalista, un "minifundismo permanente" e a xente "non sabe a onde recorrer".
Ademais, búscase afianzar a igualdade entre homes e mulleres, fomentando o cambio de valores na sociedade "rachando co modelo actual de socialización sexista" e integrando a perspectiva de xénero e as políticas de igualdade en todos os ámbitos do Concello de Pontevedra: contratos, actividades, cursos de formación ou servizos, entre outros.
A violencia de xénero, pola súa banda, abordarase de forma integral, tanto mediante actividades que axuden ás vítimas a lidar co estrés e co control das súas emocións, coma asegurando unha atención directa a estas mulleres. Este último aspecto inclúe o mantemento do Centro de Información á Muller (CIM) e a todos os axentes que traballen neste ámbito de actuación.
Neste último aspecto sitúase a asociación de mulleres que se presentará este luns no Teatro Principal. Está formada, por agora, por cinco persoas que foron vítimas da violencia de xénero e que traballarán, en colaboración co Concello de Pontevedra, para asesorar as vítimas porque "coñecen perfectamente" o proceso polo que pasan cada unha delas, segundo explicou Carmen Fouces.
Relacionadas:
-
Noemí Alonso, xornalista de RNE en Pontevedra, premio 'Periodismo Joven sobre violencia de género'
Por Alejandro Espiño |
-
Colas de espectadores na posta de longo da aula de teatro do CIM
Por Diego Torrado |
-
Axenda de actos polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller
Por Redacción |
-
Alumnos de FP da Xunqueira I reparten tarxetas para sensibilizar sobre a violencia machista
Por Diego Torrado |
-
'Puta, porca, burra', a violencia machista nunca empeza por unha paliza
Por Redacción |