Tráfico desenvolve esta semana unha campaña especial de control de transporte escolar e menores
Por Redacción
Os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil comprobarán, a partir deste luns 24 de novembro e durante toda a semana, que os autobuses e os condutores cumpran en Galicia coa lexislación dentro dunha campaña especial de vixilancia e control.
Os axentes comprobarán que os menores vaian acompañados por unha persoa debidamente cualificada nos desprazamentos.
A campaña ten, segundo a Dirección Xeral de Tráfico (DXT), unha especial importancia en Galicia pola grande extensión de rutas de transporte escolar que existen na comunidade. Por este motivo, invitouse aos concellos que teñen Policía Local a participar na campaña co fin de reforzar o seguimento.
As estatísticas da DXT contemplan que o 90% dos accidentes que se producen durante o transporte escolar teñen lugar no momento de subir ou baixar do vehículo, ou nos instantes inmediatos. En moitos casos trátase de atropelos causados por unha distracción do menor, do condutor do transporte escolar ou dos pais.
No ano 2013 non se rexistrou ningunha vítima mortal entre os usuarios de autobuses escolares en España. E en relación co ano 2012, o número de feridos graves pasou de 5 a 1 e os leves descenderon de 55 a 19.