Detidos dous históricos narcotraficantes galegos na "Operación Alibavaria"
Por Redacción
A Garda Civil no marco da operación Alibavaria, desenvolvida en Pontevedra, Xixón e A Coruña, interveu 390 quilos de cocaína que chegaran ao Porto del Musel (Xixón-Asturias) oculta nun colector de carbón, procedente de Sudamérica.
Na operación foron detidas nove persoas (8 españois e 1 paraguaio) entre elas, os seus líderes, dous históricos narcotraficantes galegos.
As investigacións iniciáronse a mediados do pasado ano cando a Garda Civil tivo coñecemento que a organización galega, agora desmantelada, se encontraba contactando con outros grupos asentados na xeografía nacional, coa finalidade de adquirir ou alugar unha embarcación tipo veleiro para o traslado dende Sudamérica dunha importante cantidade de substancias estupefacientes.
Tras diversos contactos, é finalmente un grupo alicantino o que se encargou de realizar o traslado da droga, se ben, na travesía cara a Sudamérica sufriu un accidente quedando a embarcación inservible. Por iso, a rede galega buscou outras vías para trasladar a cocaína a España, neste caso, unha empresa de Xixón dedicada á comercialización de carbón.
Nas vixilancias sobre os membros da organización comprobouse que o pasado mes de agosto un home da organización galega se desprazou a Paraguai para contactar cun cártel da droga e xestionar o envío a España dunha partida de cocaína.
Paralelamente, o cártel sudamericano enviou a España a un dos seus homes para entrar en negociacións cun industrial de León, propietario en Xixón dunha empresa de importación de carbón, a través da cal os investigadores sospeitaron que puidese introducirse o estupefaciente nalgún dos envíos dende Sudamérica.
Nas últimas semanas comprobouse que os narcotraficantes españois incrementaron as súas reunións, extremando as medidas de seguridade, o que fixo sospeitar da inminente chegada da droga a España.
Realizadas investigacións en portos da cornixa cantábrica, descubriuse que tivera entrada ao porto del Musel un colector cargado de carbón cuxo destinatario era a empresa investigada. O devandito colector foi sacado do porto e depositado nunha nave dun polígono industrial de Xixón.
Tras varios días de vixilancia sobre a nave, a mediados do presente mes os axentes detectaron a chegada dun camión no que se cargaron varios palés con sacos de carbón, trasladándoos a un polígono industrial da localidade de Ordes (A Coruña), onde se descargaron nunha marmorería, momento no que se detivo tres persoas que se achaban no lugar.
Inspeccionados os 3.200 quilos de carbón vexetal que foran trasladados dende Gijón, os axentes acharon 390 quilos de cocaína distribuída en 955 paquetes que aparentaban ser, grazas a un recubrimento de resina e carbón, anacos deste mineral.
Durante os días seguintes á intervención da cocaína, en Pontevedra e Gijón detívose a outras sete persoas, entre elas un membro do cártel paraguaio provedor da droga, que se desprazara a España para supervisar a chegada do estupefaciente.
A Garda Civil dá por desmantelada esta organización criminal
Durante o desenvolvemento do operativo e varios rexistros domiciliarios, bloqueáronse diversas contas e propiedades da organización e interviñeron vehículos de alta gama, o camión empregado no traslado da droga, unha arma de fogo, documentación, etc.
Coa detención destas persoas, a Garda Civil dá por desmantelada esta organización criminal.
A operación foi realizada polo Equipo Contra o Crime Organizado da Unidade Central Operativa da Garda Civil con sede en Pontevedra e o EDOA (Equipo Delincuencia Organizada e Antidrogas) da Comandancia do mesmo Corpo de Alicante.