Ollo ao móbil no ximnasio!
Por Redacción
Toda precaución é pouca para evitar ser vítima dun roubo ou furto en lugares públicos. Agora tamén no ximnasio. A Policía Nacional acaba de deter dúas mulleres como presuntas autoras dun delito de furto de tres teléfonos móbiles nun centro de traballo de Pontevedra. As súas propietarias estaban a adestrar.
Segundo informou a Policía Nacional, as detidas son dúas veciñas de Lugo de 28 e 22 anos, ambas as dúas con antecedentes policiais por feitos similares. Tras varias xestións, os axentes descubriron a identidade das presuntas autoras e arrestáronas esta semana. Tras pasar a disposición xudicial, quedaron en liberdade.
O suceso produciuse o 30 de outubro. Tres mozos menores de idade denunciaron na Comisaría que foran vítimas da subtracción do seu teléfono móbil mentres estaban a adestrar. Ao ir a recoller as súas pertenzas comprobaron que aos tres lles faltaba o teléfono móbil, tres aparatos valorados en 850,13 euros.
A Policía Nacional recorda aos cidadáns que extremen as precaucións no lugar de traballo sempre que estean en lugares de afluencia de público como centros médicos, hospitais ou edificios administrativos, así como situacións nas que transita libremente persoal alleo.
Recomendan que se poña a bo recado teléfonos móbiles, bolsos ou chaquetas e que o ideal é contar cun caixón ou despacho no que gardar as nosas pertenzas con seguridade e evitar na medida do posible os furtos ao descoido. Ademais, piden que se teña especial coidado ao permanecer ingresados nun hospital, evitando na medida do posible portar obxectos de valor e sobre todo nunca deixalos fóra do alcance da vista.