O BNG pregunta pola influencia dos recortes e privatizacións nas últimas mortes en Montecelo
Por Natalia Puga
Está en condicións a Consellería de Sanidade de poder afirmar que os recortes levados a cabo na sanidade pública de Galicia e a privatización xeneralizada de servizos non ten ningunha relación cos falecementos producidos no Hospital Montecelo entre outubro e novembro de pacientes que presentaban infeccións por bacteria psedomona?
A pregunta chegoulle este xoves á conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, a través dunha interpretación presentada pola deputada do BNG Montse Prado no Parlamento de Galicia. A nacionalista quixo aclarar este venres en rolda de prensa que o seu partido "non pretende en absoluto fomentar a alarma social" xerada en relación co falecemento de tres pacientes ingresados na sexta planta de Montecelo, senón pedir información, pois entende que "o mellor xeito de que non haxa alarma social é que se teña información".
Montse Prado pide á conselleira que informe sobre os avances que puidesen producirse na investigación aberta en Montecelo para aclarar o sucedido, sobre as actuacións realizadas polo centro hospitalario e sobre a posible relación entre o que sucedeu dende mediados de outubro -as dúas primeiras mortes producíronse nesa data- e os recortes na sanidade pública.
"O mellor xeito de que non haxa alarma social é que se teña información"
A través desta interpretación pide explicacións e, en caso de que non se lle acheguen ou non se informe do resultado da investigación aberta no hospital, pedirán que Rocío Mosquera compareza no Parlamento. De momento, o que piden é que dean a cara os máximos responsables sanitarios na cidade, isto é, a conselleira e o xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP), José Manuel González, pois a única comparecencia pública sobre o tema a realizaron responsables de varias áreas do centro, pero "os que teñen que dar explicación son os máximos responsables".
Entre outras cuestións, queren que aclaren cal é a relación entre a carga de traballo do persoal sanitario, a dispoñibilidade de materiais e a calidade destes con relación a hai cinco anos, así como, as frecuencias de limpeza e o persoal dedicado a estas tarefas.
Entre as dez preguntas que Montse Prado traslada á conselleira está a de saber cal é o nivel de morbilidade producido por infeccións hospitalarias tanto en Montecelo coma no conxunto dos hospitais galegos nos últimos cinco anos e se o nivel de infeccións do centro pontevedrés está por enriba da media.
O BNG quere saber se a pseudomona en Montecelo se detectou antes ou despois dos primeiros falecementos
Partindo da base de que é consciente de que as infeccións por pseudomonas son habituais en todos os hospitais e de que se trata dunha bacteria cada vez máis resistente aos distintos tratamentos, quere saber se a presenza en Montecelo foi detectada antes ou despois de que se producisen os primeiros falecementos.
Ademais, interésase polos controis bacteriolóxicos que se realizan no centro, para saber con que frecuencia se realizaban antes de que se detectase a presenza da pseudomona multirresistente. Así, mantén que sabe que actualmente se están a realizar os controis axeitados, pero o que quere saber é "se antes deste brote se estaban a facer co rigor que era preciso".
Relacionadas:
-
A Fiscalía arquiva a investigación ao non detectar neglixencia nas mortes de pacientes por unha bacteria no CHOP
Por Redacción |
-
A Fiscalía amplía a investigación polo brote de pseudomona no CHOP
Por Redacción |
-
"Temos que paralos, se teñen éxito en Vigo, despois privatizarán en Pontevedra"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Esixen a fin dos contratos por días e horas no Sergas
Por Redacción |
-
Persoal do CHOP declara na Fiscalía na investigación sobre a pseudomona
Por Redacción |
-
A Fiscalía investiga de oficio as mortes en Montecelo a causa dunha bacteria
Por Redacción |
-
Persoal do CHOP fai unha chamada á tranquilidade ante a morte de tres pacientes coa mesma bacteria
Por Natalia Puga |
-
Investigan a morte de tres pacientes do CHOP por unha bacteria: "Tenemos un problema"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |