Morre a Duquesa de Alba, unha muller que se sumou no seu día á afección do Pontevedra CF
Por Redacción
Cayetana Fitz-James Stuart, a Duquesa de Alba, morreu este xoves no Palacio de Dueñas, a súa residencia habitual en Sevilla aos 88 anos de idade.
Alí pasou a aristócrata os seus últimos días, despois de ser trasladada polo seu expreso desexo dende o Hospital Quirón Sagrado Corazón da capital andaluza, onde fora ingresada o pasado domingo na Unidade de Coidados Intensivos, afectada dunha pneumonía que lle provocou unha arritmia cardíaca.
A Duquesa de Alba faleceu rodeada, entre outros, polo seu actual marido Alfonso Díez e polos seus seis fillos. A Capela Ardente foi instalada no concello de Sevilla, polo que en tan só un día pasaron máis de 30.000 persoas.
Cayetana de Alba, a muller con máis títulos nobiliarios do mundo, estaba moi vinculada á cidade de Sevilla, pero no seu patrimonio, valorado nuns 3.000 millóns de euros, encóntranse propiedades repartidas por todo o país, que se repartirán os seus fillos. Tamén en Galicia, onde a familia posúe os castelos de Castro Caldelas, Moeche, Andrade e Narahío.
Pero a pesar desta vinculación galega, en Pontevedra o a recorda por un aspecto moito máis trivial. A súa fugaz vertente granate. A curiosa fotografía data de xuño de 2010.
O Pontevedra CF desprazárase a Madrid para xogar o play-off de ascenso contra o Alcorcón. Antes do partido, un grupo de afeccionados entre os que estaban Teresa Pedrosa e José Covelo encontráronse coa Duquesa e o seu marido ás portas do mesón Gaztalupe. Pediron facerse unha foto con ela e aceptou encantada. Fíxoo coa camiseta granate nas súas mans e o seu marido coa bufanda do equipo ao pescozo.