Un cubo de grandes dimensións énchese de debuxos no campus para celebrar o Día do Neno
Por Redacción
Con motivo dos 25 anos da aprobación da ONU da convención sobre os dereitos da infancia, a facultade de Ciencias da Educación e do Deporte celebrou o Día do Neno coa instalación dun cubo de grandes dimensións cuberto de 600 debuxos de escolares.
Durante tres días fóronse incorporando debuxos ata que este xoves 20, os nenos da Escola Infantil do campus colgaron os seus traballos ante a presenza do fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro e o delegado territorial de Educación da Xunta, César Pérez, que acudiu á facultade cun debuxo realizado por un neno con parálise cerebral. Ao acto asistiu a decana, Francisca Fariña, que destacou a importancia dos dereitos dos nenos, segundo informa o DUVI.
Tamén a asociación contra o maltrato infantil Animo sumou ilustracións a esta iniciativa ao igual que persoas dende o estranxeiro fixeron chegar os seus debuxos a través de correo electrónico. A alumna do CRP Sagrado Corazón, Amanda Fernández, deu lectura ao relato co que foi premiada no concurso promovido pola Fundación Meniños.
Os actos do Día Internacional da Infancia continuarán coa mesa redonda sobre a literatura infantil e xuvenil que Ciencias da Educación e do Deporte acollerá o martes 25 ás 11.00 horas. O escritor Antonio García Teijeiro, o editor Fernando Cimadevila, o ilustrador David Rubín e a crítica literaria María Jesús Fernández participarán nesta xornada.