Son diferentes os homes e as mulleres na consulta do psicólogo?
Por Redacción
Son diferentes os homes e as mulleres na consulta do psicólogo? Á pregunta intentarán darlle resposta este fin de semana os especialistas que se dean cita nas XIX Xornadas 'Xénero e identidade: Olladas dende a clínica' da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG).
As xornadas, previstas para os días 14 e 15 de novembro no Pazo da Cultura, contan co apoio da Concellería de Promoción Económica. O seu responsable, Carlota Román, desvelou este mércores que está confirmada a asistencia de 120 profesionais de toda Galicia e sitúao no marco da aposta que o seu departamento está a facer pola celebración de congresos e as relacións con distintos colexios profesionais.
Neste caso, a responsable do comité científico do congreso, Estrella González Gómez, explicou a particularidade desta actividade en varios aspectos, pero, de forma particular porque "cuando se plantea hablar de género, generalmente se habla de violencia y en este congreso no vamos a hablar de violencia". Así, o obxectivo será compartir coñecementos e experiencias con respecto a "la influencia que el género tiene en nuestra práctica diaria".
Segundo explicou, entre os asuntos a tratar encóntrase, por exemplo, se existen diferenzas nas patoloxías psicolóxicas en función do xénero, os roles do coidador en función do xénero, as transformacións que houbo nas relacións entre xénero e sexualidade, a influencia que ten o xénero na construción da identidade ou que dificultades hai vinculadas ás expectativas asociadas ao xénero.
O presidente da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Javier Sardiña Agra, definiu estas xornadas como punto de encontro dos profesionais da psicoloxía para a formación e o intercambio de coñecementos e para estreitar lazos entre os compañeiros.