O PSOE esixirá en todos os concellos que se manteñan as políticas activas contra a violencia de xénero
Por Redacción
"Non o mereces, denúnciao". ÿ a mensaxe que o PSdeG-PSOE trasmite por toda a provincia dende hai meses coa vista encarada na conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebra o vindeiro 25 de novembro. A medida que se aproxima a data, e afondando nesa idea, reforzarán a campaña.
Segundo informan os socialistas, o partido impulsará unha campaña contra a violencia machista que se traducirá na presentación de mocións en todos os concellos da provincia esixindo que se manteñan as políticas activas de loita contra esta lacra da sociedade.
Para analizar os detalles dese traballo, a secretaria provincial de Igualdade, Belén Louzao, mantivo unha xuntanza con distintas representantes das agrupacións locais. No encontro celebrado na sede provincial, a socialista destacou que as decisións do Goberno do PP "veñen reducindo ano a ano as partidas económicas adicadas a protección das víctimas, que xa se achegan ao 22% con respecto ao último orzamento do Goberno socialista".
Louzao engade que as partidas adicadas a igualdade se teñen reducido nun 33% dende que goberna o PP e que, fronte a esa política 'popular', os socialistas pontevedreses manteñen que a violencia de xénero é unha loita que o goberno debe priorizar, como o demostran as 42 víctimas mortais e 26 orfos rexistrados no que vai de 2014.
Na súa opinión, a Lei Integral sobre a violencia de xénero "está ameazada pola irresponsabilidade dun goberno central que fixo desaparecer o principio de igualdade do discurso político e a violencia de xénero das súas prioridades".