O río Bermaña supera un proceso de limpeza e conservación no núcleo de Caldas
Por Redacción
O treito de 580 metros do río Bermaña que percorre o término municipal de Caldas de Reis presenta unha nova imaxe. Acaba de superar un proceso de limpeza e conservación entre a zona da ponte romana e a desembocadura deste afluente no río Umia.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas anuncia que vén de rematar os traballos e explica que estas obras están enmarcadas no programa de mantemento e conservación do dominio público hidráulico das bacías de Galicia- Costa e as súas zonas de acceso e protección.
As actuacións, nas que se investiron 13.000 euros, consistiron na retirada mecanizada e manual de aterramentos situados no leito do río Bermaña. Así, ao inicio dos traballos o contorno do río atopábase cuberto de maleza que impedía tanto o acceso ás súas proximidades como o correcto fluír das augas. Unha vez finalizadas as accións de limpeza, a zona amósase despexada, sen lixo e vexetación que obstaculice o paso.
O departamento que dirixe Agustín Hernández, mediante a colaboración neste tipo de actuacións, "pretende conservar os contornos naturais dos concellos galegos". Neste senso, sinalan que "foméntase o respecto á natureza, así como o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos".