Comisións Obreiras afirma que Louzán e Figueroa actúan como "auténticos trileiros" cos traballadores
Por Oskar Viéitez
O sindicato Comisións Obreiras acusa de "actuar como auténticos trileiros" cos dereitos dos traballadores ao presidente e ao vicepresidente da deputación provincial, Rafael Louzán e José Manuel Figueroa, respectivamente.
Reacciona así Comisións Obreiras ante o anuncio feito por Figueroa no que descarta converter ao persoal laboral da Deputación de Pontevedra en funcionarios.
"Confírmase o manifestado por este sindicato" de que non hai por parte da Deputación "vontade algunha de negociar nada cos representantes dos traballadores, e a Mesa celebrada en días pasados non foi máis que unha mascarada de negociación".
Por estes motivos, o representante de Comisións Obreiras na Deputación, José Ramón Piñeiro afirma que "Figueroa e Louzán actúan como auténticos trileiros que pretenden manter na súa condición de laborais a un importante número de traballadores, pese a que na maior parte dos casos realizan funcións idénticas ás dos funcionarios e a que se integran na estrutura central da Deputación, para así mantelos sometidos a través dos seus Comisarios Políticos con posibilidade de acordar despedimentos de persoal laboral".
Para Ramón Piñeiro "chama a atención a premura que esta xente ten para acordar medidas de recorte e de supresión de dereitos de persoal, e o reacios que son a facer que as situacións nas que se atopa o persoal acomódense á lei e á lóxica".
Finalmente este portavoz sindical lamenta que "tanto Figueroa como Louzán non souberon dar a cara na Mesa de Negociación e dicir alí isto, que é onde habería que dicilo en primeiro lugar, e agora o persoal decátase pola prensa, non a través dos órganos que corresponde, unha actuación propia de verdadeiros trileiros", conclúe.