Aparece ferido nunha cova de Cabo Udra o monitor do Liceo Casino desaparecido
Por Natalia Puga
David López Cameselle, o veciño de Pontevedra de 27 anos desaparecido dende este xoves, apareceu este venres escondido nunha cova da zona de Cabo Udra, en Bueu. Estaba en bo estado de saúde, pero cunha escordadura no nocello que sufriu na tarde do xoves e que lle impedía moverse do lugar.
O mozo foi localizado sobre as 17.30 horas nunha cova da praia de Ancoradoiro por unha patrulla da Garda Civil que integraba o dispositivo de rastrexo e busca posto en marcha para dar co seu paradoiro.
Segundo informou a Garda Civil, unhas horas antes recibiran un aviso da presenza do vehículo Seat Ibiza propiedade de David López en Cabo Udra. Unha patrulla desprazouse ao lugar, comprobou a aparición e a primeira hora da tarde (pasadas as 16.30 horas) púxose en marcha o dispositivo de rastrexo polas inmediacións.
O rapaz estaba lesionado e, segundo fontes próximas á familia, tiña tamén mazaduras. Unha vez localizado, el mesmo explicou á Garda Civil que permanecía nesa praia dende a tarde anterior despois de sufrir unha escordadura. O dispositivo de busca, coordinado dende o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, solicitou a presenza dun ambulancia na zona, que trasladou a David López ao Punto de Atención Continuada de Bueu.
A desaparición de David López estaba a ser investigada pola Policía Xudicial da Comisaría do Corpo Nacional de Policía en Pontevedra. A Policía Nacional participou no dispositivo de busca xunto a varias unidades do Instituto Armado na provincia, a Policía Local de Bueu, a patrulleira Venecia 7 do Servizo Marítimo da Garda Civil e unha embarcación e un helicóptero de Salvamento Marítimo.
O mozo, que traballa como monitor deportivo no Lliceo Casino de Pontevedra, despediuse dunha compañeira sobre as 2:00 horas da madrugada do mércores ao xoves e sobre as 9:10 horas da mañá dixo 'Buon Giorno' nun grupo de WhatsApp de socios do Casino. Dende entón ninguén soubo nada del, deixou o teléfono móbil na casa e levou o coche de aí que se xerase preocupación entre os seus pais e compañeiros e se puxese un denuncia por desaparición. Ata agora, nunca se ausentara sen avisar, pero é posible que ultimamente tivese problemas sentimentais.