Investigan a desaparición dun pontevedrés de 27 anos, traballador do Casino
Por Natalia Puga
David López Cameselle, un mozo pontevedrés de 27 anos, está en paradoiro descoñecido dende a mañá deste xoves e a ausencia de máis de 24 horas causou tal preocupación á súa familia e círculo de amizades que este venres denunciaron a desaparición na Comisaría do Corpo Nacional de Policía de Pontevedra.
Fontes da Comisaría confirmaron que a denuncia está agora en mans da Policía Xudicial, que está a investigar as circunstancias da desaparición, pero ata o momento é pronto para achegar información desas indagacións.
O mozo desaparecido é moi coñecido polo seu traballo como monitor deportivo do Liceo Casino de Pontevedra e un dos seus compañeiros e coordinador de deportivo das instalacións, Marcos Blanco Villar, asegura que non coñecen que tivese problemas con ninguén nin ningunha circunstancia que xustifique a súa desaparición. Si refiren que puido ter algún desengano sentimental nos últimos tempos, pero sinalan que ata agora nunca se ausentara sen dar noticias.
Segundo explica Marcos Branco, a última persoa que supostamente viu o desaparecido en persoa antes da súa ausencia foi unha compañeira sobre as 2.00 horas da madrugada do mércores ao xoves, despois de estar xuntos e despedirse. Non obstante, horas máis tarde, sobre as 9.10 da mañá, hai constancia de que interveu nunha conversación de WhatsApp de socios do Casino dicindo "Buon Giorno".
Pola mañá xa non se presentou a traballar, de modo que no Casino intentaron poñerse en contacto con el sen éxito. Finalmente contactaron cos seus pais, que tampouco tiñan coñecemento do seu paradoiro e, presos da preocupación, acudiron á casa na que vive só.
No domicilio de David López no centro de Pontevedra non o encontraron, pero si viron que deixara o teléfono móbil enriba da mesa e o pai fíxose cargo del. Ademais, constataron que se levara o coche, un Seat Ibiza de cor azul con matrícula 2683 CPB.
A familia e compañeiros de David López piden a todas as persoas que saiban algo do seu paradoiro ou o vexan a el ou ao seu vehículo que se poñan en contacto coa Comisaría ou a través dos teléfonos 686 446 043 (Marcos Blanco), 646 545 420 (nai), 657 856 975 (pai) e 660 043 276 (Patricia López).