Banco de Alimentos busca voluntarios para o seu novo centro en Pontevedra e para unha gran recollida solidaria
Por Diego Espiño
A Fundación Provincial Banco de Alimentos prepárase para a apertura da que será a súa nova sede na cidade de Pontevedra, na rúa Faustino Santalices.
Trátase dun local de 400 metros cadrados no que traballarán permanentemente cinco persoas e que necesitará preto de 50 voluntarios diarios para atender ás 400 familias da cidade que actualmente necesitan a súa axuda nun momento no que "podrá estar mejorando la economía, pero aumenta la demanda de alimentos", recoñece Pedro Pereira, presidente da Fundación Provincial.
Coincidindo coa súa posta en marcha a asociación prepara ademais unha gran recollida de alimentos solidaria nos supermercados da cidade, prevista para os días 28 e 29 de novembro coincidindo cunha iniciativa a nivel europeo.
O Banco de Alimentos presta servizo actualmente a 400 familias na cidade de Pontevedra
Esta campaña, que se realizará por primeira vez na bisbarra de Pontevedra, necesitará polo menos 400 voluntarios para, en quendas de 4 horas, supervisar a doazón de alimentos nos diferentes centros comerciais.
Por este motivo o Banco de Alimentos solicitou a colaboración da cidadanía, que pode inscribirse como voluntaria na páxina web www.bancoalimentosvigo.org ou chamando ao teléfono 986 263 022.
Os responsables da fundación mostráronse "convencidos de que Pontevedra, que es tremendamente solidaria, va a volcarse con nosotros" nunha recollida que o ano pasado, só na bisbarra de Vigo, contabilizou 160 toneladas de comida non perecedoira.
Tamén poden formar parte da campaña os nenos maiores de 12 anos sempre que vaian acompañados dun adulto.