Dous mariñeiros máis do Elcano detidos por o alixo de droga que pasou por Marín con destino a Cádiz
Por Redacción
Continúan as investigacións sobre o cargamento de case 130 quilos de cocaína que foron localizados a bordo do buque Juan Sebastián Elcano. E faino con novidades. Dous novos mariñeiros do buque escola da Armada Española foron detidos en San Fernando (Cádiz) por axentes do departamento de Delincuencia Especializada e Drogas da Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil.
Segundo avanza o Diario de Cádiz, os detidos, ambos os dous membros da dotación do Elcano, foron xa trasladados a Madrid para prestar declaración ante o xuíz da Audiencia Nacional que se fixo cargo do caso.
Con estas novas detencións, son xa cinco as persoas que foron vinculadas ao alixo de droga que, antes de ser descuberto en Cádiz, pasou pola Escola Naval de Marín. A substancia estupefaciente embarcou en Sudamérica e viaxou oculta entre as velas de reserva do barco, un lugar ao que moi poucos tripulantes do Elcano tiñan acceso. A investigación partiu de Estados Unidos.
A raíz destas detencións, a Armada española destaca nun comunicado as medidas de seguridade adoptadas e o "estreito clima de colaboración" con todas as axencias e instancias implicadas no proceso de investigación aberto. Asegura que iso non só evitou a introdución dunha importante cantidade de droga en territorio nacional, senón que están a dar os froitos necesarios para facilitar a posta a disposición xudicial dos implicados.
A Armada indica ademais que continuará traballando "estreitamente" coas autoridades responsables para conseguir chegar ata o completo esclarecemento dos feitos, recordando que a investigación segue o seu curso por orde xudicial e baixo segredo de sumario.
Relacionadas:
-
Condenado a tres meses de prisión por estar embriagado cando facía garda na Escola Naval
Por Redacción |
-
Arquivan a causa xudicial aberta polos 127 quilos de cocaína de Elcano
Por Redacción |
-
O Juan Sebastián Elcano chegou á Escola Naval de Marín con 127 quilos de cocaína a bordo
Por Redacción |
-
Os tres mariñeiros de 'Elcano' foron detidos por tráfico de drogas por unha orde emitida dende Estados Unidos
Por Redacción |