Detido por atacar un veciño cunha fouce tras unha discusión en Moraña
Por Natalia Puga
Un veciño de Moraña de 78 anos foi detido nas últimas horas como presunto autor dun delito de lesións por supostamente ter agredido outro individuo no marco dunha discusión veciñal.
O detido, que responde ás iniciais M.P.R., e a súa presunta vítima son veciños do lugar de Covelo, en Moraña, onde residen en vivendas situadas a moi poucos metros de distancia.
Este martes a media tarde comezaron unha discusión como as que, ao parecer, son habituais entre ambos os dous e, nun momento dado, M.P.R. colleu unha fouce e agrediu o seu veciño.
Como consecuencia das feridas sufridas, o outro individuo tivo que ser atendido de urxencia no Punto de Atención Continuada (PAC) de Caldas e posteriormente derivado ao Hospital Montecelo de Pontevedra. O prognóstico que presenta non presenta en principio especial gravidade.
Os feitos foron postos en coñecemento da Garda Civil, que abriu dilixencias sobre o sucedido e procedeu á detención do suposto autor das lesións e o seu traslado ao cuartel para a súa posterior posta a disposición do Xulgado de Garda de Caldas.