A Plataforma local das Marchas da Dignidade organiza unha manifestación o 6 de novembro
Por Redacción
Once colectivos sociais, políticos e sindicais da cidade organizáronse a través da Plataforma local das Marchas da Dignidade en Pontevedra para convocar unha manifestación para o próximo 6 de novembro ás 19:30 horas. A marcha sairá da Pasarela 12 de Novembro e percorrerá a rúa Benito Corbal para finalizar na Praza da Peregrina.
A convocatoria realízase como acto previo á concentración prevista para o 29 de novembro ao mediodía na Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela.
Como noutras ocasións, os convocantes destes actos de protesta reclaman pan, traballo e teito ante o atropelo que sofren os cidadáns coa perda de dereitos laborais e de servizos públicos. Dende a plataforma local destacaban a gravidade de que só na cidade de Pontevedra haxa 10.000 desempregados.