40 anos de Escola de Enfermería en Pontevedra
Por Redacción
Enfermería cumpre 40 anos en Pontevedra. E para celebralo a escola conmemorará esta efeméride o xoves 30 de outubro. Será cun acto ao que están convidados todos os docentes, alumnos e persoal de administración e servizos que ao longo desteos anos de historia se formaron ou traballaron neste centro.
A celebración dará comezo ás 19,30 horas no salón de actos do centro, situado na cuarta planta do edificio de consultas do Hospital Provincial, e servirá de homenaxe e recoñecemento a todos os que ao longo destas catro décadas desenvolveron o seu labor na Escola de Enfermería, así como aos preto de 2.000 alumnos e alumnas que se formaron nela.
O acto, ao que está previsto que asistan representantes tanto da Deputación de Pontevedra -organismo titular do centro-, como da Universidade de Vigo e do Sergas, dará comezo coa intervención de Miguel Piñón Cimadevila, testemuña de excepción dos 40 anos de vida da Escola de Enfermería, da que agora é director e na que exerceu a docencia desde a súa creación en 1974.
De seguido, outro veterano da Escola de Enfermería, docente tamén desde a fundación da mesma, José Luís Vázquez Rey, fará unha glosa da historia do centro, do que foi director entre 1992 e 2010. Unha clase maxistral a cargo de María Sonia Domínguez Rodríguez, (número 1 da primeira promoción de graduados en Enfermería), sobre Anticoagulantes orais: coñecemento nos pacientes ambulatorios, completará o acto.
Na actualidade, a Escola de Enfermería conta con máis de 200 alumnos. A gran maioría (50 por curso) están matriculados nalgún dos catro cursos que compoñen o grao de Enfermería, mentres que algo máis dunha ducia están rematando a diplomatura e outra decena están no curso ponte que lle permitirá pasar da diplomatura ao grao.
Relacionadas:
-
A Escola de Enfermería, á espera de ser transferida á Universidade
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
40 anos e 2.000 enfermeiros despois
Por Redacción |
-
Un grupo de mozos pontevedreses crea a primeira asociación xuvenil de enfermeiros de Galicia
Por Redacción |
-
Os hospitais de Pontevedra e O Salnés van a formar especialistas en enfermería familiar
Por Redacción |