Visita política ás obras de mellora de firmes e pavimentos en Ardán
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou este luns as obras que se executaron no camiño rural dos Tombos, en Marín, dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar en compaña da alcaldesa da localidade, María Ramallo. Tamén estiveron presentes na visita o xefe territorial de Medio Rural, Miguel Dubois, e a xefa do Servizo de Infraestruturas Agrarias, Julia Pérez Pacios.
As obras, que contaron cun orzamento superior aos 44.200 euros, consistiron na mellora do camiño dos Tombos, no Xuncal, na parroquia de Ardán. En concreto, os traballos supuxeron a formación da explanada, limpeza das marxes do camiño e foxos, así como a colocación de canaletas e arquetas de sumidoiros. Tamén se adaptaron as tapas dos pozos e as arquetas de rexistro, e formáronse cunetas triangulares no tramo do núcleo do igrexario. Finalmente, mellorouse a capa de rodadura con firme de aglomerado en quente.
"Sería interesante explicar tamén que, no caso da comarca do Morrazo (Marín, Bueu e Vilaboa), estanse a investir ao longo do presente ano un total de 152.711 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros", engadiu Cores Tourís.
O delegado territorial avanzou, ademais, que, para o exercicio 2014-15, o concello de Marín contará con 76.021 euros de cara a afrontar novos traballos de mellora de camiños rurais.