Preocupación entre os pais de Ponte Sampaio pola posible presenza dun pederasta
Por Natalia Puga
A preocupación xurdida nas dúas últimas semanas na zona de Vigo a raíz das dúas denuncias presentadas por pais por intento de rapto a menores chegou á parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio. Os pais que levan aos seus fillos a adestrar e xogar ao club de fútbol Verdugo están inquedos ante a posible presenza dun pederasta na zona.
A alarma acrecentouse en Ponte Sampaio despois de que unha patrulla da Garda Civil visitase o campo de fútbol da Xunqueira o pasado venres 24 de outubro. Tras a presenza dos axentes, empezaron a circular alertas e rumores por grupos de WhatsApp que mantén parte dos pais "coa mosca detrás da orella".
Dende a Comandancia da Garda Civil de Pontevedra confirman que unha patrulla do posto de Arcade se desprazou ao campo, pero matizan que non existe ningunha denuncia na zona nin por posibles incidentes con menores nin por actitudes propias dun pederasta. Si confirman que na zona de Arcade (Concello de Soutomaior) reside unha persoa controlada por antecedentes relacionados con menores e hai rumores de que un home puido intentar achegarse a nenos, pero se trata de rumores non confirmados nin denunciados.
Non existe ningunha denuncia na zona nin por posibles incidentes con menores nin por actitudes propias dun pederasta
"Quédaste preocupado. Xusto ese día lera na prensa o caso do monitor de baloncesto detido en Vigo (por supuestamente abusar de 13 jóvenes) e ves alí á Garda Civil...", sinala C.P.P., nai dun neno de catro anos que xogan no A.X.D. Verdugo.
Esa visita da Garda Civil produciuse, segundo testemuñas presenciais, sobre as 18.00 horas do venres. Tras reunirse con directivos do club, abandonaron a zona. Un dos integrantes da Xunta Directiva, Fernando Crespo, explicou aos pais que estaban no campo con motivo do adestramento dos seus fillos parte do contido da conversación e pediulles que extremasen as precaucións cos menores.
Para transmitir esta petición ao resto dos pais, enviou unha mensaxe a todos eles indicándolles que fontes vinculadas á Garda Civil alertaran ao club ao obxecto de que se extremen as precaucións cos menores "ao terse detectado nas cercanias de lugares frecuentados por menores dunha persoa con antecedentes de pedofilia". Pedíalles, así mesmo, que en caso de que observasen "calquera incidente susceptible de poder relacionarse con estes feitos" o puxesen en coñecemento das Forzas e Corpos de Seguridade, achegando datos identificativos.
Este luns, tres días despois da presenza da Garda Civil, Fernando Crespo explicou a PontevedraViva que se tratou dunha visita con fins preventivos, "para evitar males maiores" porque se sabe que pode haber na zona unha persoa con antecedentes por pedofilia, "pero non fixo nada". Atribúe a presenza dos axentes a "labores preventivos" porque no campo de fútbol hai moitos nenos e tamén no parque infantil situado nas inmediacións.
Fernando Crespo sinala que "los padres tomaron nota y algunos están muy preocupados". Ao respecto, C.P.P. indica que "a xente marchou preocupada do campo ou outro día, algúns que deixaban os fillos no adestramento e aproveitaban para facer recados porque alí quedaban ben agora xa non o van facer, van estar alí todo o tempo".