Radio Pontevedra despide a Eugenio Giráldez
Por Redacción
O informativo Hora 14 Pontevedra-Arosa deste martes 4 foi o último dirixido por Eugenio Giráldez. O xornalista era despedido por sorpresa a últimas horas da tarde do martes. O director da empresa, Jorge Hermida, citábao ao despacho para comunicarlle o despedimento e explicarlle que a causa se atopaba en cuestión económicas.
Eugenio Giráldez foi redactor-xefe de informativos durante 31 anos de Radio Pontevedra e o condutor do segundo informativo local de Radio Pontevedra e de Hora 14 Pontevedra-Arosa, manténdose como líder en audiencia entre as emisoras pontevedresas durante toda a súa traxectoria. Durante unha década tamén foi o redactor-xefe de informativos de Localia Pontevedra ata que a empresa deixou de emitir o pasado 28 de febreiro de 2012.
O posto de redactor-xefe de informativos en Radio Pontevedra é asumido, dende hoxe, por Mateo Benavides. Eugenio Giráldez non tivo opción a despedirse da súa audiencia en antena.
A dirección da empresa Radio Pontevedra, a preguntas de PontevedraViva, indicoulle que non se van facer declaracións en relación con este despedimento. Durante a programación local da emisora, non se realizou referencia algunha á marcha de Eugenio Giráldez nin aos cambios nos servizos informativos.