Lores anima os portugueses a devolver aos peóns espazos públicos ocupados polos coches
Por Redacción
O modelo de Pontevedra chegou este venres a Porto. A cidade portuguesa foi a sede do foro Civinet, que xuntou máis dun cento de especialistas en mobilidade. Desta rede forman parte un gran número de municipios españois e portugueses, e esta foi a primeira reunión conxunta que este grupo de traballo celebraba no país luso.
A xornada tivo lugar no salón da Asemblea Municipal de Porto. A intervención de Miguel Anxo Fernández Lores, baixo o título A cidade toda 30 estivo precedida dunha presentación de Mario Alves, un especialista portugués en mobilidade que coñece Pontevedra de primeira man e presentou Pontevedra como un caso único "no que o resto das cidades poden inspirarse para se converter en espazos máis sustentables".
Precisamente foi Alves o que, ao rematar, quedou con dúas ideas expostas por Lores, destacándoas como importantes contribucións: que o tráfico desaparece con facilidade se se ordena de xeito integral e se lle dan novos usos ao espazo público, e que a cidade non debe ser disgregada con centros comerciais ou un urbanismo expansivo que obrigue a unha masiva utilización do automóbil para os desprazamentos internos.
Como ven sendo habitual nos foros nos que Pontevedra participa, a experiencia urbana da Boa Vila suscitou un grande interese entre os asistentes, a maioría funcionarios e responsables políticos de cámaras municipais portuguesas, aínda que tamén había representantes españois de Ponferrada, Burgos e Málaga.
A representante de Porto no foro, destacan desde o goberno municipal, dixo que Pontevedra precisamente era a demostración de que si era posible unha cidade máis sustentable, e o de Aveiro gabouse de que representantes cidadáns e municipais de alí xa tiñan visitado Pontevedra, e que este modelo estaba inspirando importantes cambios nesa cidade portuguesa.
Todos eles quedaron coa idea que lles trasladou Fernández Lores, que na cidade circulen só os coches que sexan necesarios, tal e como ocorre en Pontevedra.
Relacionadas:
-
Anabel Gulías defende en Valencia o modelo urbano pontevedrés
Por Oskar Viéitez |
-
Ciudades que caminan ve en Pontevedra o "referente que queremos exportar al resto de la red"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Lores invita os estudantes de Bos Aires a que proben o 'octopus to the party'
Por Redacción |
-
Pontevedra 'venderá' o seu modelo de cidade en Madrid, Porto, Bilbao e Alacante
Por Alejandro Espiño |