Ingresan en prisión seis dos nove detidos polo alixo de cocaína do Porto de Marín
Por Natalia Puga
Seis dos nove detidos entre o mércores e a madrugada do xoves en relación co alixo de máis de 50 quilos de cocaína intervido no Porto de Marín están xa en prisión. Derivounos este venres o titular do Xulgado de Instrución número 8 de Vigo tras tomarlles declaración como imputados por un presunto delito contra a saúde pública.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), as dilixencias están declaradas segredas, pero o xuíz si informou sobre a situación dos detidos tras prestar declaración. Para os seis declarouse o ingreso en prisón comunicada e sen fianza.
Os seis imputados enviados a prisión son os detidos en Marín na tarde do mércores. Os outros tres, arrestados de madugada en Granada (dous) e Córdoba (un), non serán postos a disposición do Xulgado número 8 de Vigo, senón que declararán por exhorto, segundo indicaron outras fontes consultadas. Iso significa que se lles tomará declaración nun xulgado da súa localidade de orixe.
Entre os detidos figura un narcotraficante que estaba fuxido da Xustiza ao que se atribúe unha operación en Levante no ano 2011 e un mariñeiro do Morrazo tamén con antecedentes. Ademais, hai un empresario de orixe rusa xa investigado previamente en operacións antidroga.
Cinco dos detidos son de nacionalidade española, un de Rusia, un de Colombia, un de Venezuela e un de Arxentina. As Forzas de Seguridade localizaron o alixo de cocaína nun colector de tráfico de mercadorías chegado dende Sudamérica, en concreto, entre palés de froita.
O dispositivo lidérao o Equipo Contra o Crime Organizado (ECO) Galicia da Garda Civil, dependente da Unidade Central Operativa (UCO) e o coordína o Xulgado de Instrución número 8 de Vigo. Ademais de seis arrestos, na provincia de Pontevedra realizáronse dous rexistros en Vigo e Cangas.
Relacionadas:
-
A Fiscalía pide 74 anos de cárcere para seis narcos por introducir droga a través do porto de Marín
Por Natalia Puga |
-
A operación Pórtico permite intervir no porto de Marín 70 quilos de cocaína colombiana
Por Natalia Puga |
-
O líder da rede que meteu droga en Marín en plátanos é un dos narcos máis importantes de España
Por Natalia Puga |
-
Nove detidos en Marín e Andalucía polo alixo de cocaína localizado no porto
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Seis detidos nun operativo antidroga no porto de Marín
Por Natalia Puga |