Dous veciños de Pontevedra detidos no marco da Operación Coiote, un operativo antidroga
Por Redacción
No marco da bautizada como Operación Coiote, a Policía Nacional detivo dúas persoas, veciñas de Pontevedra, como presuntos autores dun delito de tráfico de drogas, ao ser considerados colaboradores do principal investigado.
Os detidos son dous varóns un español de 27 anos de idade residente en Pontevedra, con antecedentes policiais, e outro brasileiro, de 21 anos de idade, residente en Pontevedra e sen antecedentes policiais, que se encontraba en situación irregular en España, motivo polo que se lle incoou o oportuno expediente de expulsión do territorio nacional.
A raíz da detención e posterior ingreso en prisión do líder o pasado 26 de setembro, os axentes continuaron co estudo dos efectos intervidos nos dous rexistros practicados, determinando que as dúas persoas agora detidas traballaban en estreita colaboración co anterior.
Por ese motivo establecéronse seguimentos e vixilancias sobre estes, logrando determinar tamén que un deles podería estar a vivir en España infrinxindo a vixente Lei de Estranxeiría.
Unha vez solicitados os indicios oportunos, os investigadores procederon á detención o pasado día 23 de outubro dos dous veciños de Pontevedra, cando ambos os dous saían dos seus domicilios.
A continuación, practicouse o rexistro dunha das vivendas, onde se interveu 16 gramos de cocaína, unha báscula de precisión e útiles para a manipulación do estupefaciente.
Unha vez concluídas as dilixencias de investigación así como o atestado policial, os dous detidos foron postos a disposición da Autoridade Xudicial.
A operación foi levada a cabo polo Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Policía Nacional de Pontevedra, e pola Brigada Provincial de Estranxeiría e Fronteiras.