Case 13 millóns de euros en emendas para "poñer a Pontevedra no mapa" do Goberno
Por Alejandro Espiño
Pontevedra "non está no mapa" para o Partido Popular. ÿ unha cidade "ignorada" nos Presupostos Xerais do Estado, denuncia o PSOE. De aí que presentasen unha serie de emendas, valoradas en total en case 13 millóns de euros, destinadas a cumprir con compromisos adquiridos. Esperan que, de aprobarse, "se note na cidade que Mariano Rajoy e Ana Pastor son de Pontevedra", segundo o deputado Guillermo Meijón.
En concreto, o PSOE pide ao Goberno que inclúa nos PGE unha partida de seis millóns de euros para financiar diversas actuacións relativas á autovía A-57, outros tres millóns para solucionar o atraso "incomprensible e inaceptable" da liña de Alta Velocidade entre Ourense e Vigo por Cerdedo, ou dous millóns de euros para iniciar a construción do novo enlace entre a AP-9 e a PO-531 no Nó de Bombeiros.
Ademais, segundo explicou o secretario xeral dos socialistas pontevedreses, Agustín Fernández, solicitarase que se destinen 1,5 millóns de euros para a construción dun parque loxístico en Leborei (Cerponzóns), especialmente importante, dixo, tras a sentenza contra os recheos ilegais do Porto de Marín; e uns 150.000 euros para un estudo sobre a implantación dun servizo de tren de proximidades na provincia.
Con estas emendas, o PSOE pretende que Pontevedra deixe ser un exemplo de "cemento virtual e euros virtuais", sinalou Guillermo Meijón, que asegurou que empeza a ser habitual que se vaian eliminando partidas de actuacións na cidade por tardar demasiado tempo en executalas ou que figuren cantidades que nunca se chegan a destinar a proxectos reais. Pontevedra, insistiu, "non existe" para o goberno do PP tanto en Madrid coma en Galicia.
OUTRAS EMENDAS PARA GALICIA
Estas emendas aos PGE inclúense nas que o PSOE presentou para toda Galicia, cuxo valor ascende aos 400 millóns de euros. A maior parte desta cantidade destinaríase a actuacións vinculadas coa industria e o emprego (210,7 millóns), as infraestruturas pendentes (90,3 millóns), obras relacionadas co medio (37,4 millóns), vivenda e outros (34,8 millóns) ou patrimonio (18,8 millóns).
Ademais, os socialistas reclaman un Plan de Emprego valorado nuns 50 millóns de euros e que se inclúa a Galicia nun plan especial contra as catástrofes e incendios, á vista da preocupante reiteración de sucesos deste tipo na comunidade.