32 novos emprendedores amosan o seu traballo nas casetas de 'Pont-Up Store'
Por Redacción
Dezasete casetas instaladas en distintos puntos do centro da cidade serven para que 32 iniciativas empresariais, con menos de dous anos de traxectoria, se presenten aos cidadáns de Pontevedra a través de Pont-Up Store, unha feira que se desenvolve entre este venres 24 e o domingo 26 de outubro como complemento á cuarta Conferencia Ibérica de Emprendemento (CIEM), que organiza a Universidade de Vigo en colaboración coa asociación portuguesa Empreend.
Os visitantes que se acheguen a espazos como A Ferrería poden encontrarse participantes que ofrecen actividades de animación cultural; un terreo agroecológica e de educación ambiental e ao longo das diversas casetas encóntranse iniciativas como, entre outras, A Tenda da Gata que se centra no consumo responsable e na economía sustentable, empresas destinadas á creación de paisaxes innovadoras ou unha curiosa distribuidora ambulante de café de alta calidade.
A proposta visual coa presenza de paraugas brancos na fonte de Casto Sampedro e casetas de madeira nas distintas rúas é obra de Juan García, outro novo empresario pontevedrés, empregando material reciclado e coa idea de que os paraugas se convertan no fío condutor do percorrido que se pode realizar polos postos do Pont-Up Store.
Na inauguración estiveron presentes a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román; a deputada provincial, Ana Isabel Vázquez, acompañada polo presidente local do PP, Jacobo Moreira, e outros concelleiros populares; o presidente de Aempe, José María Corujo, a presidenta de Aje, Lucía Pedroso e o presidente do Camiño Portugués a Santiago, Celestino Lores. O vicereitor Juan Manuel Corbacho e o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Pedro Figueroa, acudiron en representación da Universidade de Vigo. Figueroa destacou que este evento crea unha dinámica coa Universidade e xera actividade na cidade ofrecendo aos emprendedores a oportunidade de ofrecer os seus produtos e testalos. Indicou, ademais, que se superaron as expectativas en canto ás propostas recibidas e, en cada stand, incluíronse dúas empresas.
A 'Pont-Up Store' compleméntase cunha xornada formativa complementaria que leva por título Maratón 'creativo', consistente nunha actividade aberta ao público con actividades para desenvolver destrezas cognitivas, espaciais, manuais e gráficas. A cita será na Casa da Luz, este sábado 25 entre as 11.00 e as 14.00 horas.