Protesta infantil en Médico Ballina: quero un columpio
Por Natalia Puga
"Neno da zona de Lérez quere un parque infantil". O encabezado é xa por si só toda unha declaración de intencións. Séguenlle tres folios dunha carta que nos últimos días empapelou as fachadas dos edificos da rúa Médico Ballina e arredores, na parroquia de Lérez, coa que un neno cuxo nome e idade non se concreta reclama ao Concello de Pontevedra a instalación e acondicionamento dunha zona de xogos e esparexemento.
Preséntase dicindo "son un neno que reside na avenida Médica Ballina, na parroquia de Lérez," se ben no contido da carta se deduce claramanente que tivo asesoramento adulto para poñer por escrito as súas reivindicacións. Nela recolle o sentir dos nenos e pais da zona e reclama un equipamento que quere que dea servizo ao ámbito de Médico Ballina, a rúa Barriga Verde, Juan Bautista Andrade e Rúa da Torre, entre outras.
O fin é, segundo asegura este escrito (en castelán), "que os nenos que residen nesta zona poidan xogar nun ámbito axeitado e seguro", pois o parque infantil máis próximo está situado na rúa Luis Otero, isto é, a unha distancia duns 1,10 quilómetros de Médico Ballina e non só está lonxe das casas dos seus potenciais beneficiarios senón que está a sufrir "un elevado saturamento" ao ter que prestar servizo a residentes nunha zona moi ampla da cidade.
"Síntome discriminado en relación a outros nenos que habitan no Concello de Pontevedra"
O neno que asina esta carta manifesta que, como neno e veciño da parroquia de Lérez, que ten uns 2.000 habitante, "síntome discriminado en relación a outros nenos que habitan no Concello de Pontevedra", pois nesta zona se ven obrigados a xogar nas inmediacións do seu domicilio, na rúa, co conseguinte risco de invadir a calzada involuntariamente. Reclaman o novo equipamento para poder xogar "en condicións axeitadas, principalmente en relación á seguridade".
"Facémolo nestes lugares porque non temos outro sitio máis axeitado, agás o de estar no propio domicilio sen poder relacionarnos con outros nenos da nosa idade", explica o pequeno escribente, que considera que un parque infantil é unha instalación necesaria para poder gozar do descanso e o esparexemento, xogar e levar a cabo as actividades recreativas propias da súa idade como "parte esencial do seu desenvolvemento".
Segundo recorda, os veciños da zona xa remitiron instancias ao Concello de Pontevedra solicitando a instalación dun parque infantil e no ano 2012 recibiron unha resposta do arquitecto municipal na que lles dicía que naquel ano non estaba prevista a creación de novas instalacións lúdicas ou parques infantís públicos nas inmediacións de Médico Ballina. Dous anos despois seguen sen ter noticias dunha obra desta características no barrio, de aí que se animasen a redactar esta nova instancia e facela pública colgándoa na rúa.
"Os nenos non podemos nin debemos estar a xogar na rúa"
A petición baséana en dous argumentos principais. O primeiro é "a lóxica máis lóxica", pois consideran que "os nenos non podemos nin debemos estar a xogar na rúa" co correspondente risco para a súa integridade, xa que ven que existe unha alta probabilidadde de que sufran un atropelo se seguen xogando na que é a súa espontánea zona de xogos, a beirarrúa.
O segundo argumento son os dereitos dos nenos recollidos a Constitución Española ("os nenos gozarán da protección prevista nos acordos internacionais") e na Convención dos Dereitos do Neno de 1989 ratificada por España (dispón o drecho do neno ao descanso e ao esparexemento e o xogo e ás actividades recrativas propias da súa idade), así como noutros acordos internacionais como a Carta Europea dos Dereitos do Neno de 1992 e no ordenamento xurídico español, como a Lei de Protección Xurídica do Menor de 1996 ou a Lei Galega da Familia, a Infancia e a Adolescencia de 1997.
Relacionadas:
-
Ganas de xogar no demandado parque infantil de Médico Ballina: “Es como un sueño hecho realidad”
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Veciños de Médico Ballina saen á rúa: "Nos hemos hartado de que nos humillen y nos engañen"
Por Natalia Puga |
-
Fartos de agardar por un parque infantil en Médico Ballina
Por Anxo Lourido |
-
Os veciños de Médico Ballina reclaman con pancartas un parque infantil na zona
Por Redacción |
-
Veciños de Médico Ballina e Leandro del Río Carnota denuncian inseguridade viaria na zona
Por Redacción |