Os arquitectos pontevedreses entregan no Café Moderno os seus premios Gran de Area
Por Mónica Patxot
O Café Moderno acolleu este xoves a gala de entrega dos galardóns da décimo cuarta edición dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2014, organizados polas delegacións en Vigo e Pontevedra do Colexio de Arquitectos de Galicia. En concreto, foron recoñecidas quince obras situadas nos concellos de A Estrada, A Guarda, Gondomar, Vigo, Bueu, Silleda, Baiona, Forcarei e Mos.
Estes galardóns son unha aposta da entidade colexial na provincia de Pontevedra como recoñecemento ao traballo de arquitectos, promotores, construtores e aparelladores e polo seu labor en equipo destinado a obter unha obra arquitectónica de calidade na demarcación.
A organización destaca que con respecto a edicións anteriores a metade das obras participantes foron de rehabilitación, ampliación ou reconstrución de construcións xa preexistentes, un aspecto cada vez máis firme no campo de traballo dos arquitectos.
Este ano presentáronse en total sesenta propostas de diversas escalas e localizacións que se converten en oportunas reivindicacións da profesión e a arquitectura da contorna. O xurado valorou a totalidade das obras e proxectos presentados e os aspectos concretos que aportaron un carácter ou valor singular pola súa tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio.
O acto, conducido pola arquitecta Marta Guirado, contou coa lectura da acta oficial dos premios, a proxección dun vídeo con imaxes de todas as obras premiadas, e a entrega dos diplomas acreditativos a cargo do presidente da delegación de Pontevedra, Manuel Abelleira, e o titular do colexio en Vigo, Antonio Davila.
Ademais, ao evento asistiron autoridades locais e autonómicas, entre elas a secretaria xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarnación Rivas; o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello; o vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho; a deputada provincial de Cultura, Ana Isabel Vázquez; ou o tenente alcalde e concelleiro de Urbanismo de Pontevedra, Antón Louro.
O acto foi aberto a todo o colectivo de arquitectos e á cidadanía en xeral.