A metade dos recibos que xestiona o ORAL están domiciliados
Por Redacción
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica este mércores o calendario fiscal para 2015, no que se recolle o período de cobro de cada un dos impostos e taxas que xestiona o ORAL (Organismo Autónomo de Xestión de Recursos das Administracións Locais) e que ascenden a preto de 1,2 millóns de recibos.
Desta cifra, o 48,68% (preto de 575.000) están domiciliados, polo que se cargan directamente na conta indicada polos contribuíntes. Segundo o calendario fiscal, en 2015 este cargo realizarase o 5 de maio para o imposto de vehículos de tracción mecánica (IVTM); o 2 de outubro no caso do Imposto de Bens Inmobles (IBI) e o 4 de novembro para actividades económicas (IAE).
Así mesmo, o calendario establece tamén o período de pagamento para aqueles recibos non domiciliados, que queda fixado entre o 8 de abril e o 8 de xuño para o IVTM; do 3 de agosto ao 15 de outubro o IBI e do 4 de setembro ao 4 de novembro o IAE.
O ORAL mantén abertas varias fórmulas para facilitar o pagamento dos recibos aos contribuíntes dos 51 concellos que teñen delegada a xestión dalgún dos recibos de taxas ou impostos.
Entre estas fórmulas figura o sistema especial de pagamento do IBI ou o plan personalizado de pago.
O fraccionamento do IBI en dous prazos aparece recollido tamén no calendario fiscal de 2015 e os contribuíntes poderán acollerse a el ben acudindo ás oficinas do ORAL ou directamente a través da Oficina Virtual, entrando na páxina e elixindo o modo de pagamento en pago único ou fraccionado.
Neste caso, o primeiro dos pagamentos cargarase en conta o 3 de agosto e o segundo o 2 de outubro.
Así, se o contribuínte quere acollerse ao sistema especial de pagamento do IBI de 2015 poderá facelo aínda ata o 31 de marzo.
Outra das posibilidades que ofrece o ORAL para fraccionar o pagamento de recibos é o denominado Plan Personalizado de Pago, posto en marcha o pasado ano e que lle permite aos usuarios agrupar os recibos de IAE, IVTM e IBI e xestionalos como se dun só se tratase, fraccionando o pago en varias cotas.