Pontevedra axuda os refuxiados que quedaron sen fogar tras un violento ciclón en Filipinas
Por Redacción
Filipinas contará con cartos pontevedreses para facer fronte á reconstrución das zonas máis afectadas polo ciclón Haiyan. Unha achega extraordinaria do Concello de Pontevedra, sumado ao aportado por Narón e por un concerto solidario organizado en Lugo, permitirá doar 10.000 euros ao Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur), para proporcionar refuxio e materiais de primeira necesidade ás comunidades do arquipélago.
Esta contía súmase aos outros 10.000 euros xa mobilizados o ano pasado poucos días despois do paso do ciclón Haiyan, cos que se dotou a 1.000 familias damnificadas de tendas e artigos non alimentarios básicos de emerxencia.
Así o acordou a asemblea xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que participa o Concello de Pontevedra.
Ademais, este organismo destinará 20.000 euros á recuperación de Palestina tras os últimos bombardeos israelís. Serán 10.000 euros para apoiar o traballo dos equipos de saúde mental que atenden á poboación no contexto postbélico e os outros 10.000 euros canalizaranse a través da Asociación Médica Hispano Palestina, que organiza a entrada e distribución de material médico e farmacéutico na franxa.
A asemblea do Fondo Galego aprobou tamén cofinanciar con 152.345 euros seis proxectos de ONGD galegas en países empobrecidos. Nicaragua, Honduras, Perú, India e Guatemala son os lugares onde estas entidades desenvolverán proxectos de cooperación internacional. Todas elas traballan en parcería con organizacións locais e levarán a cabo ademais actividades de sensibilización en Galicia para concienciar fronte as desigualdades.