Sanxenxo dispón dun punto de luz por cada 2,5 habitantes empadroados
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo ultima estes días a licitación do concurso destinado a reducir o consumo de electricidade na iluminación pública.
O concelleiro delegado de Medio Ambiente, José Luis Rodríguez, presentará o venres o estudo realizado para acometer a segunda fase de aforro enerxético. "Transcorreron algo máis de dous anos dende que comezaron as visitas para efectuar as medicións de consumo e luminosidade das actuais lámpadas de vapor de sodio e mercurio, das mostras dos novos materiais a instalar de LED e a redacción do documento", explicou o edil.
Así, os datos dos que partiu a análise de campo foron os derivados da facturación da iluminación pública viaria regularizada e a prezo fixado, ademais do consumo de reactiva nos edificios municipais.
Satisfacción porque 29 empresas do sector se interesaron xa por esta segunda fase do plan de aforro enerxético
Tal e como confirmou Rodríguez Lorenzo, Sanxenxo conta cun punto de luz por cada 2,5 habitantes empadroados, "algo totalmente desorbitado se temos en conta que cidades galegas como Santiago de Compostela ou A Coruña dispoñen dunha lámpada por cada 8 e 16 veciños, respectivamente, e outras capitais do país como Valencia, por poñer un exemplo, teñen tamén 8,".
O titular de Medio Ambiente apuntou tamén que España ocupa o posto número 10 en canto ao consumo por habitante en Europa "estamos preto dos 115 quilowatts por ano, mentres Alemaña e Francia non chegan aos 50 e 80 kw".
En Sanxenxo, a cifra ascende actualmente a 222 kw por veciño e ano, "pero con ese sistema rebaixaremos o consumo a 60,75", asegurou o edil, quen recordou que as medidas emprendidas nesta liña con respecto á auga quente da piscina municipal "nos permitiu aforrar algo máis do 66% do que se xeraba anteriormente".
José Luis Rodríguez mostrou tamén a súa satisfacción porque 29 empresas do sector se interesasen xa por esta segunda fase do plan de aforro enerxético, a pesar de non ser publicado aínda o anuncio de licitación.
Relacionadas:
-
Descobren en Sanxenxo empresarios e particulares chupóns conectados ilegalmente á iluminación pública
Por Redacción |
-
Máis de medio millón de euros para potenciar o aforro enerxético en Arousa e O Salnés
Por Redacción |
-
O roubo de 600 metros de cable deixa sen iluminación medio quilómetro da autovía do Salnés
Por Redacción |