Seis detidos nun operativo antidroga no porto de Marín
Por Natalia Puga
Polo menos seis persoas foron detidas este mércores nun operativo antidroga despregado pola Unidade Central Operativa (U.C.O.) da Garda Civil no que tamén se localizou un pequeno alixo de cocaína no porto de Marín.
Segundo indicaron fontes da investigación, as Forzas de Seguridade localizaron ao longo da mañá un alixo duns 50 quilos de cocaína nun colector que trasladaba palés de froita procedentes dun porto de Sudamérica.
Tras o achado da droga, os axentes da UCO desprazados dende Madrid realizaron unha serie de rexistros apoiados por outras unidades da Garda Civil e polo menos seis detencións de persoas implicadas no transporte da droga.
Dúas das detencións producíronse sobre as 15.40 horas nas inmediacións da Casa Consistorial de Marín. Os axentes da Unidade Central Operativa detiveron dúas persoas en plena rúa causando grande expectación entre os transeúntes.
Fontes oficiais da Garda Civil sinalaron que o operativo segue aberto e ata que estea concluído non se ampliarán detalles do sucedido. Non se descartan novas detencións.
Relacionadas:
-
A Fiscalía pide 74 anos de cárcere para seis narcos por introducir droga a través do porto de Marín
Por Natalia Puga |
-
O líder da rede que meteu droga en Marín en plátanos é un dos narcos máis importantes de España
Por Natalia Puga |
-
Ingresan en prisión seis dos nove detidos polo alixo de cocaína do Porto de Marín
Por Natalia Puga |
-
Nove detidos en Marín e Andalucía polo alixo de cocaína localizado no porto
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Localizan no porto de Marin 120 quilos de coca nun colector de bananas procedente de Costa Rica
Por Natalia Puga |