Un camión esparexe a súa carga de mexillóns ao envorcar na rotonda de Fontecarmoa
Por Oskar Viéitez
Un camión cargado de mexillóns envorcou este mércores na rotonda de Fontecarmoa no termo municipal de Vilagarcía.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias 112, o suceso tivo lugar ás 16:53 horas na estrada PO-528 no seu enlace coa N-640.
Un camión cargado de mexillón envorcou ao tomar a rotonda. A carga que transportaba quedou esparexida por toda a calzada.
O condutor do camión resultou ferido sendo trasladado en ambulancia polo servizo de Emerxencias Médicas 061.
Ata o lugar do suceso tamén acudiron efectivos da Garda Civil de Tráfico e do servizo de Emerxencias de Vilagarcía e o equipo de mantemento da Rede de Estradas para limpar o vial.
INCENDIO EN RIBADUMIA
O 112 informou tamén dun incendio urbano rexistrado ás 16:46 horas na vivenda número dous da rúa Figueira en Ribadumia.
Segundo estas mesmas fontes o propietario da vivenda esqueceu unha pota ao lume na cociña queimándose toda a estanza. Os Bombeiros do Salnés extinguiron o incendio, auxiliados de efectivos de Protección Civil de Ribadumia e a Garda Civil.