Catro meses de obras no Gorgullón para acabar co problema das inundacións
Por Alejandro Espiño
As inundacións na rúa do Gorgullón están en vía de solución. Polo menos, iso espera o Concello de Pontevedra. Ese é o obxectivo das obras que se executarán na zona durante os próximos catro meses. Investiranse 318.282,22 euros e realizaraas a empresa Viaqua, concesionaria do servizo de abastecemento de auga e saneamento en Pontevedra, con cargo ao plan de investimentos que aínda está pendente de completarse.
Estes traballos, segundo explicou Raimundo González, supoñerán a renovación da rede de abastecemento de auga nesta rúa. Na actualidade, neste punto é de fibrocemento e será substituída por canalizacións de fundición dúctil. Ademais, a rede de saneamento pasará de 315 milímetros de diámetro a 500 milímetros, mentres que a rede de pluviais se ampliará ata os 630 milímetros no Gorgullón e ata os 800 milímetros na rúa do Muíño.
Con estes cambios, o goberno municipal espera solucionar os problemas de inundacións que se producen na zona, especialmente nos días de fortes chuvias. Actuarase no Gorgullón, dende a travesía de Eduardo Pondal, e posteriormente na rúa do Muíño e conectarase a rede co colector do Gafos, río ao que irán parar as augas pluviais.
Tras destacar que "hoxe é un día de alegría" para todos os veciños do Gorgullón, Raimundo González indicou que, para comezar a obra, só falta que Viaqua presente, entre outros trámites, o plan de seguridade para estes traballos. Espérase que os operarios da empresa poidan comezar a traballar, como moi tarde, en quince días.