O Goberno aposta por dous proxectos pontevedreses para mellorar o cultivo do millo
Por Redacción
O centro do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) na parroquia pontevedresa de Salcedo está a comezar a traballar en dous proxectos para os que captaron financiamento nas convocatorias públicas competitivas do Plan Estatal de Investigación 2013-2016.
Nestas semanas, precisamente, estanse a celebrar xa as primeiras reunións de traballo co resto de entidades participantes en cada proxecto, co fin de concretar as fases e as tarefas de cada investigación.
O primeiro dos proxectos da Misión Biolóxica de Galicia en Pontevedra é a "mellora xenética de millo para usos con maior valor engadido", financiado con 217.000 euros e cuxos investigadores principais son Amando Ordás Pérez e Pedro Revilla Temiño.
Contempla realizar estudos xenéticos de millo en programas de mellora de poboacións exóticas e de selección a longo prazo, desenvolver materiais e metodoloxía para mellorar o cultivo para usos alternativos con maior valor engadido, e avanzar nos coñecementos para a mellora xenética do millo aumentando a súa eficiencia no uso do nitróxeno e a súa tolerancia a estreses os por frío, seca e malas herbas.
Todo iso co fin último de avanzar cara á obtención de novas variedades e híbridos de millo máis saudables para o consumidor, ecolóxicas e rendibles para os agricultores ao presentar un maior valor engadido de cara á súa venda e requirir unha menor achega de insumos durante o cultivo.
Por outra parte, están a desenvolver o "Banco de xermoplasma de millo da MBG", financiado con 45.000 euros e cuxo investigador principal é Amando Ordás Pérez. O obxectivo é manter a colección de millo da Misión Biolóxica, que inclúe antigas variedades locais, actualmente desaparecidas do cultivo, procedentes de toda España.
Relacionadas:
-
Científicos pontevedreses descifran os segredos do herbario máis antigo do mundo
Por Redacción |
-
Un congreso a celebrar en Pontevedra amosará como os grelos e as nabizas axudan a previr o cancro
Por Alejandro Espiño |
-
Máis de 100 investigadores de 24 países participarán no Symposium on Protein Cropws
Por Redacción |
-
Viña Moraima principia coa Misión Biológica a vinificación experimental da variedade "ratiño"
Por Redacción |
-
A Misión Biolóxica avoga pola mellora xenética do millo para evitar riscos alimentarios
Por Redacción |
-
Unha alumna do Instituto Illa de Tambo e unha científica da Misión Biolóxica, premios InvestigArte
Por Oskar Viéitez |
-
A Misión Biolóxica consegue reducir a mortalidade dos piñeiros do 40 ao 7%
Por Redacción |