As altas temperaturas continuarán ata a fin de semana
Por Redacción
Os termómetros marcan temperaturas próximas aos 30 graos, unha cifra pouco habitual nesta época do ano e que permanecerá, ata polo menos, o venres desta semana debido ao dominio das altas presións que se encontran no norte da Península Ibérica, segundo informa MeteoGalicia, achegando aire cálido procedente do sur. Os ceos durante este mércores continuarán despexados e os ventos soprarán frouxos con réxime de brisas.
Durante o xoves, unha fronte pouco activa incrementará a presenza de nubes de tipo medio e alto. Non deixarán precipitacións pero si provocarán unha situación de bochorno, sobre todo, durante a tarde.
O venres 24, as altas presións tenderán a debilitarse lixeiramente, con ceos anubrados pero sen que as temperaturas sufran cambios moi significativos. Continuarán a sensación de bochorno e roldaranse os 30 graos con ventos en calma durante toda a xornada.
Durante o fin de semana, o sábado descenderán lixeiramente as temperaturas e xa, durante o domingo, os ventos comezarán a soprar de compoñente sur cun notable incremento da presenza de nubes, coa posibilidade de que chova lixeiramente no litoral. O inicio da próxima semana virá marcado por esta situación intermedia.