A enchente do Gafos arrastrou numerosos obxectos dos asentamentos chabolistas
Por Oskar Viéitez
A última cicloxénese explosiva, bautizada como Margit, provocou a enchente do río dos Gafos que inundou as terras do val de Tomeza.
No tramo urbano encheuse de numerosos obxectos procedentes dos dous asentamentos marxinais de Cabana e Ponte do Couto.
O río arrastrou un remolque, unha bañeira, roupa, mobles e gran cantidade de ferralla e plástico dos diferentes abastos que os residentes nestes poboados tiñan almacenados nas beiras.
O colectivo ecoloxista solicitará axuda ao Concello de Pontevedra para poder retirar todo este material do leito do río, xa que son necesarios medios mecánicos para poder mover algúns destes pesados elementos.
Os voceiros de Vaipolorío lamentaron este incidente, sobre todo tendo en conta que o tramo urbano do río Gafos quedou "coma unha patena" despois do traballo de limpeza feito xunto a un grupo de voluntarios da Fundación Juan XXIII e Xuntos Asociación Síndrome de Down.