A continuidade do banco de libros de texto, supeditada á sinatura dun convenio coa Xunta
Por Alejandro Espiño
O banco de libros de texto do Concello de Pontevedra só ten unha vía para poder seguir aberto. E depende da vontade da Xunta de Galicia, segundo sinalou a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, tras a reunión que mantivo este martes con directivos de colexios pontevedreses e representantes de Fanpa Pontevedra, asociación que recentemente mostrou a súa preocupación tras o anunciado peche desta iniciativa.
O goberno galego está a sondar a posibilidade de que cada centro escolar conte co seu propio banco de libros, que estaría xestionado polos propios colexios ou polas asociacións de pais. "Para eles é unha complicación de campionato porque é unha responsabilidade que lles supera", sinalou a edil do BNG. De aí que Pontevedra ofreza a súa experiencia neste ámbito e se mostre disposto a asumir a súa organización.
Pero para iso sería necesaria a firma dun convenio entre a Consellería de Educación e o Concello de Pontevedra. Tanto os colexios pontevedreses coma Fanpa Pontevedra ofrecéronse para tratar de premer o goberno autonómico para que acceda a esta vía intermedia que permitiría que o banco de libros municipal puidese seguir aberto e xestionando o préstamo dos manuais ás familias que o soliciten.
Carmen Fouces afirmou que a Xunta "acertaría de pleno" se aposta por crear os bancos de libros nos colexios "porque non é de recibo que en función do concello non que vivas, os país teñan que pagar ou non polos libros de texto dos seus fillos", pero pediu á Xunta de Galicia que aproveite a experiencia de concellos como Pontevedra. Se é así, dixo, "nós encantados, porque o obxectivo é que o gasto sexa mínimo para os pais".
O que non tería sentido é que o Concello de Pontevedra seguise apostando por un banco de libros paralelo, un intrumento que "funcionou moi ben mentres a lei o permitiu". Pero a nova lexislación, que supuxo xa un cambio de manuais en oito centros da cidade, e a normativa do denominado 'cheque solidario', que obriga a depositar nos colexios os libros que se devolven, impiden a súa continuidade co modelo actual. "Sería absurdo", concluíu a responsable de servizos sociais.