Nove meses de prisión para un estafador que se fixo pasar por axente de Pablo Alborán e Mario Casas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Nove meses de prisión e unha multa de 10.000 euros en concepto de responsabilidade civil. ÿ a pena que aceptou este martes o pontevedrés Javier Vázquez Ansorena como autor dun delito continuado de estafa que tería cometido ao facerse pasar por axente de artistas como Pablo Alborán e Mario Casas para contratar bolos en Pontevedra.
O xuízo estaba previsto no Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra, pero non chegou a celebrarse porque o acusado alcanzou un acordo de conformidade co fiscal do caso, Luis Uriarte, e a acusación particular, que exerce a sociedade pontevedresa Cresconio S.L.. Enfrontábase a unha pena de dous anos de prisión e acabou conformándose con nove meses.
O acusado si chegou a sentarse no banco para ratificar o acordo (e a súa intención de non recorrer a sentenza condenatoria), pero os que non se deixaron ver polos xulgados da Parda foron Pablo Alborán e Mario Casas. O primeiro estaba previsto que declarase por videoconferencia, pero ao final non foi necesario que interviñese. O segundo xa non estaba previsto que falase como vítima porque se encontraba nun lugar no que lle resultaba imposible conectar.
Javier Vázquez admitiu a súa participación nos feitos dos que lle acusan o fiscal e a acusación particular cun "si, señoría" dito mentres intentaba evitar que os medios de comunicación presentes na sala de vistas o retratasen tapando a cara coa man. Previamente, nos corredores do edificio xudicial intentara evitar as fotos tapando a cara cunha capucha.
Os feitos cos que se conformou é que aparentou ter a representación artística de Pablo Alborán e Mario Casas e estafou á empresa Cresconio S. L. asinando con eles un contrato para que Pablo Alborán e Mario Casas realizasen senllas actuacións na discoteca Carabás en abril e maio de 2012, para as que os empresarios pontevedreses chegaron a pagar un anticipo de 1.800 euros por Pablo Alborán e 5.000 euros por Mario Casas.
Ademais a empresa estafada pagou ao acusado 708 euros para que realizase os carteis anunciadores de ambos eventos e tivo outros gastos derivados dos contratos asinados, tales como elaborar as entradas ou anunciar as actuacións, e de que ambos se cancelasen cando saíu á luz a estafa. A multa de 10.000 euros imposta ao procesado inclúe estes gastos e tamén os danos morais causados.