Os pontevedreses apúranse contra a gripe
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Vacinouse vostede outros anos?". Foi a pregunta máis repetida este luns no centro de saúde da Parda e de seguro que no resto dos 250 puntos de vacinación abertos con motivo da campaña de vacinación antigripal e antipneumocócica, que permanecerá aberta ata o 20 de decembro. No caso da Parda, o primeiro día transcorreu con normalidade e intensa actividade. A iniciativa durará oito semanas, pero ás 13.00 horas xa foran vacinadas unhas 50 persoas e a previsión da coordinadora de Enfermería, Carmen Abeledo, é que o día rematara con 120. Os pontevedreses apúranse e son previsores. .
A pregunta sobre as vacinas previas dos pacientes tivo, na práctica totalidade dos casos, a mesma resposta. Foi afirmativa. O enfermeiro Rafael Vázquez encargouse das vacinacións na recta final da mañá e indicou que "casi todos fueron gente que viene todos los años". En xeral, será a tónica dominante nestes primeiros días da campaña, pois "los de los primeros días casi todos son repetidores, son veteranos", isto é, pacientes habituais que levan xa varias campañas vacinándose.
Segundo explicou Rafael Vázquez, practicamente todos os que acudiron este luns eran persoas maiores, un dos grupos de risco aos que vai destinada a campaña. A iniciativa está destinada a todas as persoas da provincia de 60 ou máis anos e as pertencentes a grupos de risco como pacientes con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias; persoas institucionalizadas con procesos crónicos; as persoas con enfermidades metabólicas crónicas ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes con tratamentos prolongados de aspirina; as persoas con obesidade mórbida; e as mulleres embarazadas durante a temporada de gripe.
Segundo informou a Consellería de Sanidade, tamén se inclúen na poboación diana os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais; as personas que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros; as que pola súa ocupación poden estar en contacto con aves; e os viaxeiros internacionais.
Todos eles están chamados as puntos de vacinación repartidos entre centros de saúde e consultorios, centros hospitalarios públicos, hospitais e consultas médicas privadas; as residencias e centros para a terceira idade; as unidades asistenciais de drogodependencias; os centros penitenciarios; e os centros de atención a discapacitados. Na cidade de Pontevedra unha das novidades deste ano é, segundo explicou Carmen Abeledo, que na Parda se puxo en marcha unha sala única e exclusivamente para a vacinación no primeiro piso do PAC.
O obxectivo é que os cidadáns poidan vacinarse na consulta do seu médico, pero tamén nesta sala, de tal xeito que poidan acudir en horario de mañá e tarde en función da súa dispoñibilidade e á marxe do horario do seu médico de cabeceira. Iso si, sempre con cita previa, como a que moitos pacientes pediron xa a semana pasada para poder vacinarse este luns na primeira xornada da campaña. "Algunos ya preguntaron en agosto cuándo podían vacunarse", explica Rafael Vázquez.
Na área de Xestión Integrada de Pontevedra-O Salnés administráronse na pasada campaña 30.082 doses de antigripal a maiores de 65 anos, acadando unha cobertura do 47%. En persoas de entre 60 e 64 anos, o número de doses administradas foi de 3497 doses, cunha cobertura do 19%, e en persoal sanitario vacináronse o 24,6% do plantel de centros de Atención Primaria e o 19,7% nos centros de Atención Especializada.