260.000 euros irán destinados a mellorar a sinalización turística da provincia
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra e a Axencia de Turismo de Galicia, dependente da Xunta, teñen previsto investir 260.000 euros na mellora da sinalización turística na provincia, tal e como se recolle nun convenio de colaboración que as dúas administracións asinarán proximamente.
O obxectivo é realizar un estudo en profundidade da situación actual das sinalizacións turísticas, para despois redactar o proxecto técnico e executar os traballos de renovación dos letreiros turísticos.
A Xunta de Galicia achegará 100.000 euros, dos que 80.000 proceden de Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O resto, 160.000 euros, será achegado pola Administración Provincial, que tamén se encargará da execución dos traballos previstos no convenio.
Neste sentido, xa se acometeron algunhas obras de mellora como as relacionadas coa accesibilidade ás praias e aos espazos públicos.