Os funcionarios opoñense á privatización da Xusticia de Gallardón
Por Oskar Viéitez
A Sala de vistas do Social na Audiencia provincial de Pontevedra acolleu unha singular rolda de prensa protagonizada polos sindicatos representativos da administración de Xustiza que inician unha campaña de recolleita de firmas entre os cidadáns, profesionais e empregados públicos en defensa "do servizo público da Xustiza para todos".
Os portavoces de CSIF, CCOO, STAJ ,UGT, CIG e USO, defenden que a Xustiza "siga sendo un Servizo Público que garanta o acceso á mesma de todos os cidadáns en condicións de igualdade, tal e como proclama a Constitución, que garante o principio de tutela xudicial efectiva".
Neste sentido opóñense á Lei de Taxas Xudiciais "porque crea unha xustiza só para unha minoría privilexiada e impide o acceso a este dereito fundamental á inmensa maioría da sociedade por non ter os recursos que dita Lei establece".
Denuncian ademais que a Administración de Xustiza ampare aos causantes da crise económica "como a gran banca que coas súas demandas privan a millóns de cidadáns dun dereito fundamental como é a vivenda".
Non é a súa única denuncia pública ademais critican o "oscurantismo e o despotismo do Ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, na elaboración e tramitación dos proxectos de lei de reforma da Administración de Xustiza desprezando soberanamente aos profesionais e empregados públicos que día a día somos os que mantemos en pé o servizo público".
Estes sindicatos opóñense a outros proxectos do Ministro de Xustiza de reforma desta Administración, que van supoñer un "encarecimiento da Xustiza para os cidadáns, que pagarán por uns servizos que agora prestamos os empregados públicos da Administración de Xustiza de forma gratuita, ao ser un Servizo Público indispensable".
Por todo iso fan un chamamento a todos os profesionais da Administración de Xustiza, xuíces, fiscais, avogados, procuradores, cidadáns usuarios da Xustiza, organizacións sociais de defensa dos dereitos cidadáns, e, por suposto, a todos os empregados públicos a defender este Servizo Público indispensable porque "sen xustiza non hai dereitos".
Estes voceiros convocan movilizacións en decembro e xaneiro, e o día 12 de decembro concentracións en todas as capitais de provincia entre 12 e 13 horas ante as portas dos centros de traballo.