Noivos e amigos do alleo
Por Oskar Viéitez
Axentes da Policía Nacional detiveron a unha parella de Pontevedra como presuntos autores dun delito de roubo con forza no interior de dous vehículos.
El ten 40 anos, ela 38, son noivos e ambos teñen antecedentes policiais.
Impútanselles, polo menos, dous roubos en senllos vehículos, un estaba estacionado na localidade de Cambados e o presunto autor tras fracturar o vidro e apoderarse dun maletín con diversa documentación saíu fuxindo, aínda que ao soar a alarma do vehículo foi observado por algunha persoa presente no lugar.
O outro vehículo estaba estacionado nas inmediacións do cemiterio de San Amaro, na capital, e do seu interior subtraeron un bolso.
Por todo iso e a raíz das denuncias iniciáronse as investigacións policiais que levaron á identificación desta parella de presuntos cacos.
En ambos casos, segundo declarou a muller en dependencias policiais, ela accedía ao interior do vehículo mentres que o seu noivo fracturaba os portelos dos vehículos subtraídos.
Unha vez tramitado o correspondente atestado policial, os detidos foron postos a disposición do Xulgado de Instrución de Garda de Pontevedra.