Paz Lago, candidata do PP á alcaldía de Sanxenxo?: "Acolleríao con moito agrado"
Por Redacción
Dende que se coñeceu a noticia de que Catalina González non optará á reelección como alcadesa de Sanxenxo, disparáronse os rumores sobre o nome da persoa que encabezaría a candidatura do Partido Popular neste municipio. Moitos apuntaron dende un principio a Paz Lago, actual concelleira de Cultura e deputada do PP no Congreso dos Deputados. A interesada non se pronunciou nunca ao respecto... ata este mércores.
Nunha rolda de prensa celebrada na sede do PP provincial, Paz Lago sinalou que acollería "con moito agrado" ser a próxima candidata á alcaldía de Sanxenxo. Afirmou que despois de doce anos formando parte do goberno municipal "que se plantexe a oportunidade de ser cabeza de lista e alcaldesa do teu concello hai que recibilo con orgullo, non podería ser doutra forma, e sobre todo con moita responsabilidade e moita prudencia".
En todo caso, a concelleira recordou que o nome do candidato ou candidata deberán eligirlo as bases do partido en Sanxenxo, tras consensualo entre os militantes e a dirección dos populares pontevedreses, e mostrou o seu respecto a todo este proceso. "Estou a expensas do que diga o meu partido e do que os veciños de Sanxenxo consideren", sinalou.
A este respecto, Paz Lago cre que lle avala a "experiencia" acumulada durante todos estes anos no Concello de Sanxenxo, porque "hai cousas que che indican que podes intentalo". Especialmente, dixo, porque a xestión dunha concellaría durante todo este tempo "leva consigo moito proceso de aprendizaxe e interiorización de como poder facelo". Aínda así recoñece que tamén lle supoñería "certo medo" ante a responsabilidade do posto.