Aspace comemora o Día Mundial da Parálise Cerebral reivindicando unha educación inclusiva real
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Unha educación inclusiva real. ÿ a reivindicación dos traballadores de Amencer-Aspace, persoas con parálise cerebral e familias con motivo da conmemoración do Día Mundial da Parálise Cerebral que se celebra cada primeiro mércores de outubro e que este ano os citou a todos ante as instalacións da asociación en Pontemuiños.
Coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Benestar Social, Carme Fouces; e o presidente e a xerente de Amencer-Aspace, Carlos Godoy e Mónica Touriño, un dos usuarios do centro leu un manifesto reivindicativo reclamando "unha condición indispensable para potenciar a nosa capacidade de decisión e de desenvolvemento pleno: unha educación inclusiva efectiva, real e accesible en función das capacidades de cada un".
Antonio Ares Ferrín falou en nome do colectivo ao afirmar que as persoas con parálise cerebral "temos como cidadáns un único obxectivo: desenvolvernos plenamente como persoas". Ao respecto, insiste en que as administracións públicas están obrigadas a proporcionar un sistema de educación inclusivo a todos os niveis, tal e como recolle a Convención Internacional das Persoas con Minusvalidez que España ratificou en 2008.
Fronte a este compromiso pola educación inclusiva, a realidade é que "cada ano hai menos recursos" para facela unha realidade e a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa que entrou en vigor este curso académico nin sequera menciona aos Centros de Educación Especial, aos que non teñen en conta como soporte na educación do colectivo", volvendo así "concepcións educativas arcaicas aparentemente xa superadas".
O manifesto, o mesmo lido en Vilagarcía de Arousa e nas 73 cidades españolas con instalacións de Aspace, diríxese ao Goberno para pedirlle que reforme o sistema educativo para que recolla os dereitos dos nenos con discapacidade a unha educación de calidade e recibiu o apoio do alcalde de Pontevedra. Lores aplaudiu as iniciativas de Amencer-Aspace e aplaudiu as capacidades das que fan gala nas súas actividades, e que recentemente se materializaron no programa Hefesto en colaboración cun colectivo de moteiros.
Tras o momento reivindicativo celebrado ás portas da sede de Pontemuiños, a comitiva institucional coñeceu as instalacións acompañada de traballadores do centro e os políticos tiveron oportunidade de convivir cos seus usuarios o día en que conmemoraban o seu día e vivían un ambiente festivo. 5.500 galegos conviven a diario coa parálise cerebral.
Relacionadas:
-
Usuarios e familiares de Aspace compiten en Pontevedra na busca da mellor tortilla
Por Redacción |
-
Pontevedra abre un ano para facer máis visibles 5.500 galegos con parálise cerebral
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Motoristas, breakdancers e músicos... con algunha discapacidade
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |