Polbo galego en tempura xaponesa? Si, é posible!
Por Sylvie Tartán
Queridos lectores, de todos é sabido que a fusión de culturas está á orde do día e, por sorte, o ámbito culinario non é alleo a esta corrente. A mestura e a mestizaxe sempre dan riqueza e, se é para satisfacción dos nosos estómagos, o epíteto "rico" pódesenos ir mesmo das mans, chegando a converterse en "delicioso". Como boa galega, son fan do polbo á feira. Como non selo se case é a primeira comida que che dan cando deixas o biberón? A pesar diso, se me encontro polbo cociñado doutro xeito, é o primeiro que pido porque me encanta que este cefalópodo sexa bañado noutras salsas, enfornado ou presentado de xeito diferente. Por iso hoxe fágome eco da carta de Badiana Tapas, un restaurante de tapas, como o seu nome indica, e moito máis, como eu engado, que abriu na pontevedresa e acolledora Praza da Leña fai pouco máis dun ano e que actualizou o mundo das tapas, dándolles un toque moi particular.
Aquí foi onde puiden degustar "Tempura de polbo con emulsión de allada galega". Bravo! Para algúns será un sacrilexio, para outros unha boa forma de comprobar que a cociña galega marida perfectamente coa xaponesa sen perder un ápice de personalidade.
E que máis cousas podemos encontrar en Badiana? Moitos pratos saborosos e ben presentados! Entre eles, o burrito de costela ibérica con crema de aguacate, todo un aceno á cociña mexicana ou a degustación de aceites de La Laguna de Fuente de Piedra, aceites malagueños do máis alto nivel. Eu decanteime pola Presa de Landra con piquillos reasados, pementos de padrón, algo de marisco e como colofón un "absolutamente delicioso" Coulant de chocolate. Dos mellores que tomei nunca. E asegúrovos que teño experiencia acreditada e extensa no tema.
Para facilitar a dixestión e procurar que isto atravesase o esófago sen esforzo, elixín un bo viño. EncantoumeRayos Uva, un rioja, que vén da man do enólogo e vitivinicultor francés Olivier Rivière. Un viño moi recomendable que se pode gozar, a pesar do nome, sen necesidade de protector solar xa que non dana a pel en absoluto, e ao contrario, achega antioxidantes para a súa conservación en perfecto estado.
Non o esquezades! Na vosa próxima visita á cidade ou no voso próximo paseo a estómago baleiro e corazón aberto Badiana Tapas, Praza da Leña 1, e reservas en teléfono 886 16 10 65.
Hai lugares que che dan felicidade. Este é un deles. Moitas grazas a Ana, copropietaria deste local, por atenderme tan ben.
Bicos, apertas e bon appétit!