Un certame artístico do Rotary Club encherá A Ferrería de 'pintores rápidos'
Por Redacción
O II certame de pintura rápida Cidade de Pontevedra é a próxima actividade que organizará o Rotary Club na cidade. Así llelo trasladaron ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, varios membros deste colectivo solidario durante a reunión que mantiveron este martes no Concello de Pontevedra. Celebrarase na praza da Ferrería o próximo sábado 4 de outubro e repartirá 2.600 euros en premios para os artistas gañadores.
Neste certame, que o pasado ano contou cun gran número de participantes, os artistas deberán plasmar nos seus cadros diferentes cantos da cidade de Pontevedra e "inmortalizarlos en el tiempo", segundo o presidente do Rotary Club Pontevedra, Arturo Ramírez. De todos os cadros que se vendan durante este día, o 40% do seu importe será doado a unha entidade benéfica.
Refórzase así, sinalan dende o club de rotarios, o labor social e solidario deste colectivo de empresarios, que "sacamos tiempo de debajo de las piedras para ayudar a los demás". Ademais, este tipo de iniciativas busca tamén promover a cidade de Pontevedra cara ao exterior, xa que presumen da súa capacidade de divulgación e dunha rede que conta con 65 clubs e 1,3 millóns de membros en todo o mundo.
Neste sentido, o actual gobernador para o distrito 2011 do Rotary Club (ao que pertence Galicia), Andrés Barriales, sinalou que este "movimiento global de solidariedad" está formado por profesionais e empresarios "que se reúnen para conocerse, tener una amistad y proyectarla hacia el bien de la sociedad". Buscan, destacou, "identificar las necesidades de la sociedad y tratar de paliarlas".
Andrés Barriales asegurou que na súa visita encontrou o Rotary Club Pontevedra "activo e ilusionado" e apostando por numerosas actividades e proxectos en beneficio da sociedade pontevedresa.
Relacionadas:
-
Tres prazas para tres premios de pintura rápida
Por Redacción |
-
Trazos de pintura rápidos e solidarios co Rotary Club inundan a cidade
Por Redacción |
-
Xosé Fortes e o Rotary Club, últimos candidatos aos premios Cidade de Pontevedra
Por Redacción |
-
Os rotarios elixen o viño solidario para brindar este Nadal
Por Mónica Patxot |
-
O Rotary Club de Pontevedra premia á Asociación Zona Monumental
Por Redacción |