Desartellados dous puntos negros de venda de substancia estupefaciente en Pontevedra
Por Redacción
Axentes do Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Policía Nacional en colaboración coa Policía Local de Pontevedra desarticularon dous puntos negros de venda de substancia estupefaciente. No marco da Operación Coiote, procederon á detención dun veciño de Pontevedra, de 23 anos de idade, como presunto autor dun delito de tráfico de drogas.
Segundo fontes oficiais da Comisaría os feitos remóntanse a mediados do mes de agosto do presente ano 2014, cando a Policía Local tivo coñecemento de que un mozo residente na cidade estaría a dedicarse á venda de varios tipos de drogas a distintos consumidores.
As pescudas desembocaron na identificación das persoas relacionadas co investigado, así como a constatación de que para cometer o delito que se lle imputa usaba outra vivenda ademais do domicilio familiar xa coñecido.
Os axentes intensificaron as vixilancias e seguimentos sobre a devandita persoa para tratar de achegar os maiores indicios posibles, resultando especialmente dificultosos, dado que as vendas de substancia estupefaciente se realizaban practicamente a calquera hora, se ben eran máis frecuentes durante a noite.
Unha vez concluídas as pescudas, todos os datos solicitados se puxeron en coñecemento da Autoridade Xudicial, solicitándolle autorización para levar a cabo dúas entradas e rexistros noutros tantos inmobles da cidade.
Ambos os dous rexistros leváronse a cabo ao longo do día 26 de setembro, e culminaron coa detención do investigado, e a incautación de 120 gramos de cocaína, 1.008 gramos de haxix, 63 gramos de marihuana, 9 teléfonos móbiles, útiles para manipulación do estupefaciente e 4.045 euros en efectivo.
Os investigadores consideran moi relevante a cantidade de droga incautada, por tratarse dunha investigación por tráfico de drogas "ao miudo". A totalidade da droga intervida está valorada en máis de 12.000 euros permitiu retirar do mercado negro máis de 600 doses de cocaína e máis de 5.000 de haxix. Unha vez concluído o atestado policial, o detido foi posto a disposición xudicial decretándose o seu ingreso en prisión.